IDEAS PARA SUMAR. EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

PARTICIPATIVO
TRANSPARENTE
EN CONSTANTE INTERACCIÓN COA SOCIEDADE
1.- DIÁLOGO E RESPOSTAS. O partido, a nivel federal, nacional, provincial e municipal ao servizo dos cidadáns, en constante diálogo con todos os sectores: sindicatos, asociacións, autónomos, estudantes, mocidade, maiores. Desde o arranxo dos suministros ata á defensa dos dereitos dos traballadores. Desde a atención a persoas con dependencia ao control dos mercados financeiros. Desde o control da globalización á defensa dos sectores estratéxicos. Promoveremos desde o socialismo respostas á problemática da globalización.
2.- ELECCIÓN DIRECTA DE TODOS AS SX. Todas as Secretarías Xerais do partido serán elixidas mediante votación secreta e en urna de toda a militancia mellorando as garantías e os  procedementos das votacións. Así como a designación dos candidatos as alcaldías, a Xunta de Galicia, e a presidencia de Goberno coa regulación da participación dos simpatizantes.
3.- LISTAS ELECTORAIS VINCULADAS A MILITANCIA E O TERRITORIO. Articulación normativa da selección de candidatos, da formación de listas electorais (unha porcentaxe as executivas, outro a militancia) respectando a distribución territorial para que todos os territorios se sintan representados. Traballaremos nunha maior vinculación cos cidadáns, con listas abertas.
4.- LIMITACIÓN DE MANDATOS. Limitación a tres mandatos consecutivos de senadores e deputados nacionais, autonómicos, provinciais. Definición da limitación de mandatos dos outros cargos electos e no ámbito municipal.
5.- TRANSPARENCIA DOS CARGOS ELECTOS. Os cargos electos institucionais e tamén os orgánicos do partido deberán dar contas públicas do seu patrimonio, actividades económicas e ingresos desde o momento de asumir as súas responsabilidades.
6.- COMITÉ NACIONAL GALEGO CON INICIATIVA E CONTROL. Capacidade de iniciativa  e de control da acción da Secretaría Xeral e da Executiva Nacional por parte co Comité Nacional Galego. O mesmo a nivel provincial. CENG operativa e con plenas facultades.
7.- ELIMINACIÓN DAS DEPUTACIÓNS. Defendemos unha estrutura de Estado na que as competencias e facultades das Deputacións se traspasen directamente aos Concellos e a Xunta de Galicia.
8.- GALICIA COMUNIDADE HISTÓRICA. Galicia ten o seu propio calendario de eleccións. Debemos ter un Congreso Nacional Ordinario dentro dos seis meses despois de cada elección autonómica.
9.- MELLORAR A NOSA CASA. Debemos deseñar unha nova estrutura de partido, articulando os servizos que a estrutura nacional e a provincial deben facilitarlle ás agrupacións municipais. O partido debe velar polo bo funcionamento de todas as agrupacións, sexa desde unha estrutura provincial, redefinindo o seu papel, con coordinadoras comarcais coma a actual ou cunha estrutura de áreas de conxunto de comarcas coordinadas pola CENG. As cidades de mais de 200.000 habitantes deben ter entidade propia dentro da nova estrutura, ao nivel de área de conxunto de agrupacións comarcais.
10.- CONEXIÓN PERIÓDICA DOS CARGOS ELIXIDOS. Os cargos elixidos en Bruxelas, nas Cortes, no Parlamento e nas Deputacións e concellos deben ter contactos periódicos coa militancia, coas agrupacións e cos cidadáns, e, ademais, renderán conta da súa actividade anualmente ante os órganos do partido, así como os do goberno. Implicación directa de cada representante co seu territorio.
11.- FOMENTANDO OS CONTACTOS ENTRE TODAS AS ESTRUTURAS DO PARTIDO. Debemos ter unha resposta común a nivel municipal, nacional, federal e europeo (aínda que con matices territoriais) ante os problemas. Mellorar a comunicación e a lealdade interna.
12.- OBXECTIVO: GALICIA. Diálogo continuo cos galegos e coas galegas en todos os ámbitos da sociedade para volver a ter o mellor proxecto para Galicia e para, coa confianza dos cidadáns, volver a gobernar.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Con responsabilidade, con preocupación, pero tamén coa mellor das actitudes, os compañeiros e compañeiras de SOMOS Socialismo presentamos este traballo coas ideas que entendemos se deben por en marcha para a mellora do noso partido.
SOMOS Socialismo nace a través de moitas xuntanzas entre militantes e simpatizantes do PSdeG-PSOE. A necesidade de animar aos nosos compañeiros, de volver a enganchar coa sociedade, de sumar, e de buscar, ademais, solucións desde a esquerda e desde o galeguismo é o noso obxectivo. Non presentamos candidaturas. Escoitamos a todos os que deron algún paso para propoñerse a encabezar o noso partido. Estudamos outras solucións ou outras maneiras de facer política. E, nestes últimos días, volvemos a falar entre nós. Propuxemos. Valoramos. O documento que presentamos é o resumo das nosas ideas. E tamén un punto de partida para que sea traballado e debatido por todos os compañeiros e compañeiras.
Temos claro que debemos ir cara a un partido moito máis aberto á sociedade e á militancia. Somos o que somos pola nosa base; e debe ser escoitada moito máis do que se fixo nos últimos tempos. Do mesmo xeito toda a militancia e toda a estrutura municipal do partido debe poder escoitar a acción política e a acción de goberno de todos os seus cargos electos, desde Bruselas a cada deputado da Deputación, desde as Cortes aos concelleiros do noso pobo.
Debemos redobrar os esforzos para conectar coa sociedade en todos os seus ámbitos. Somos socialistas, a defensa dos dereitos dos cidadáns debemos levala a todos os sectores, a todas as asociacións, a todas as cidades, a todas as vilas, a todas as aldeas.
Temos claro que o galeguismo ten que ser unha bandeira fundamental dentro do PSdeG-PSOE. Dentro da lealdade á estrutura federal, naturalmente. Pero nós, con eleccións distintas dentro de España, debemos facer os nosos Congresos, que son o momento no que os nosos dirixentes dan conta do seu traballo, despois de cada elección autonómica.
Debemos impulsar desde o PSdeG-PSOE unha profunda reflexión sobre os valores do socialismo a todos os niveis. Desde o Concello a Europa. Os socialistas debemos comprender a nova realidade, debemos entender como funcionan os mercados, as relacións de poder e non esquecer o papel dos Estados como máximos reguladores do funcionamento da sociedade e da defensa dos dereitos fundamentais de todos os cidadáns. Debemos ter un proxecto definido que de resposta aos novos desafíos.

SOMOS Socialismo agradece a Manel Vázquez, Iván Puentes e Xosé Ramón Besteiro o seu paso polos foros abertos celebrados en Mondariz Balneario. 300 afiliados e simpatizantes dunhas 40 agrupacións participaron nos debates con todos os precandidatos. Foron unhas xornadas moi útiles que serviron para dar forma a este ideario que presentamos. Grazas a todos e a todas por participar. Seguiremos traballando coa mesma ilusión. Seguiremos sumando.

No hay comentarios:

Publicar un comentario