PARTICIPATIVO
TRANSPARENTE
EN CONSTANTE INTERACCIÓN COA SOCIEDADE
1.- DIÁLOGO E RESPOSTAS. O partido, a nivel federal, nacional, provincial e municipal ao servizo dos cidadáns, en constante
diálogo con todos os sectores: sindicatos, asociacións, autónomos, estudantes,
mocidade, maiores. Desde o arranxo dos suministros ata á defensa dos dereitos
dos traballadores. Desde a atención a persoas con dependencia ao control dos
mercados financeiros. Desde o control da globalización á defensa dos sectores
estratéxicos. Promoveremos desde o socialismo respostas á problemática da
globalización.
2.- ELECCIÓN DIRECTA DE
TODOS AS SX. Todas as Secretarías Xerais do partido serán elixidas mediante votación
secreta e en urna de toda a militancia mellorando as garantías e os procedementos das votacións. Así como a
designación dos candidatos as alcaldías, a Xunta de Galicia, e a presidencia de
Goberno coa regulación da participación dos simpatizantes.
3.- LISTAS ELECTORAIS VINCULADAS
A MILITANCIA E O TERRITORIO. Articulación normativa da selección
de candidatos, da formación de listas electorais (unha porcentaxe as executivas, outro a militancia) respectando a distribución territorial
para que todos os territorios se sintan representados.
Traballaremos nunha maior vinculación cos cidadáns, con listas abertas.
4.- LIMITACIÓN DE MANDATOS. Limitación a tres mandatos consecutivos de senadores e deputados nacionais, autonómicos, provinciais. Definición
da limitación de mandatos dos outros cargos electos e no ámbito municipal.
5.- TRANSPARENCIA DOS CARGOS ELECTOS.
Os cargos electos institucionais e tamén os orgánicos do partido deberán dar
contas públicas do seu patrimonio, actividades económicas e ingresos desde o
momento de asumir as súas responsabilidades.
6.- COMITÉ NACIONAL GALEGO
CON INICIATIVA E CONTROL. Capacidade de iniciativa e de control da acción da Secretaría Xeral e
da Executiva Nacional por parte co Comité Nacional Galego. O mesmo a nivel
provincial. CENG operativa e con plenas facultades.
7.- ELIMINACIÓN DAS DEPUTACIÓNS. Defendemos unha estrutura de Estado na que as competencias e facultades das Deputacións se traspasen directamente aos
Concellos e a Xunta de Galicia.
8.- GALICIA COMUNIDADE
HISTÓRICA. Galicia ten o seu propio calendario
de eleccións. Debemos ter un Congreso Nacional Ordinario dentro dos seis meses
despois de cada elección autonómica.
9.- MELLORAR A NOSA CASA. Debemos deseñar unha nova estrutura de partido, articulando os servizos
que a estrutura nacional e a provincial deben facilitarlle ás agrupacións municipais.
O partido debe velar polo bo funcionamento de todas as agrupacións, sexa desde
unha estrutura provincial,
redefinindo o seu papel, con coordinadoras comarcais coma a actual ou cunha
estrutura de áreas de conxunto de comarcas coordinadas pola
CENG. As cidades de mais de 200.000 habitantes
deben ter entidade propia dentro da nova estrutura, ao nivel de área de
conxunto de agrupacións comarcais.
10.- CONEXIÓN PERIÓDICA DOS
CARGOS ELIXIDOS. Os cargos elixidos en Bruxelas, nas
Cortes, no Parlamento e nas Deputacións e concellos deben ter contactos
periódicos coa militancia, coas agrupacións e cos cidadáns, e, ademais, renderán
conta da súa actividade anualmente ante os órganos do partido, así como os do
goberno. Implicación directa de cada representante co seu territorio.
11.- FOMENTANDO OS
CONTACTOS ENTRE TODAS AS ESTRUTURAS DO PARTIDO. Debemos ter unha resposta común a nivel municipal,
nacional, federal e europeo (aínda que con matices territoriais) ante os
problemas. Mellorar a comunicación e a lealdade interna.
12.- OBXECTIVO: GALICIA. Diálogo continuo cos galegos e coas galegas en todos os
ámbitos da sociedade para volver a ter o mellor proxecto para Galicia e para,
coa confianza dos cidadáns, volver a gobernar.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Con responsabilidade, con
preocupación, pero tamén coa mellor das actitudes, os compañeiros e compañeiras
de SOMOS Socialismo presentamos este traballo coas ideas que entendemos se
deben por en marcha para a mellora do noso partido.
SOMOS Socialismo nace a través de moitas xuntanzas entre
militantes e simpatizantes do PSdeG-PSOE. A necesidade de animar aos nosos
compañeiros, de volver a enganchar coa sociedade, de sumar, e de buscar,
ademais, solucións desde a esquerda e desde o galeguismo é o noso obxectivo.
Non presentamos candidaturas. Escoitamos a todos os que deron algún paso para
propoñerse a encabezar o noso partido. Estudamos outras solucións ou outras
maneiras de facer política. E, nestes últimos días, volvemos a falar entre nós.
Propuxemos. Valoramos. O documento que presentamos é o resumo das nosas ideas.
E tamén un punto de partida para que sea traballado e debatido por todos os
compañeiros e compañeiras.
Temos claro que debemos ir cara a un
partido moito máis aberto á sociedade e á militancia. Somos o que somos pola
nosa base; e debe ser escoitada moito máis do que se fixo nos últimos tempos.
Do mesmo xeito toda a militancia e toda a estrutura municipal do partido debe poder
escoitar a acción política e a acción de goberno de todos os seus cargos
electos, desde Bruselas a cada deputado da Deputación, desde as Cortes aos
concelleiros do noso pobo.
Debemos redobrar os esforzos para
conectar coa sociedade en todos os seus ámbitos. Somos socialistas, a defensa
dos dereitos dos cidadáns debemos levala a todos os sectores, a todas as
asociacións, a todas as cidades, a todas as vilas, a todas as
aldeas.
Temos claro que o galeguismo ten que
ser unha bandeira fundamental dentro do PSdeG-PSOE. Dentro da lealdade á
estrutura federal, naturalmente. Pero nós, con eleccións distintas dentro de
España, debemos facer os nosos Congresos, que son o momento no que os nosos
dirixentes dan conta do seu traballo, despois de cada elección autonómica.
Debemos impulsar desde o PSdeG-PSOE
unha profunda reflexión sobre os valores do socialismo a todos os niveis. Desde
o Concello a Europa. Os socialistas debemos comprender a nova realidade,
debemos entender como funcionan os mercados, as relacións de poder e non
esquecer o papel dos Estados como máximos reguladores do funcionamento da
sociedade e da defensa dos dereitos fundamentais de todos os cidadáns. Debemos
ter un proxecto definido que de resposta aos novos desafíos.
SOMOS Socialismo agradece a Manel Vázquez, Iván Puentes e
Xosé Ramón Besteiro o seu paso polos foros abertos celebrados en Mondariz
Balneario. 300 afiliados e simpatizantes dunhas 40 agrupacións participaron nos
debates con todos os precandidatos. Foron unhas xornadas moi útiles que
serviron para dar forma a este ideario que presentamos. Grazas a todos e a todas
por participar. Seguiremos traballando coa mesma ilusión. Seguiremos sumando.